viernes, 26 de abril de 2024

MODESTO CAMOEIRAS

O home que retratou a emigración

Dende que unha cámara fotográfica chegou ás mans de Modesto Camoeiras, o disparador non parou de retratar a realidade que vivía. Nado no pequena parroquia de O Cañizo (A Gudiña), tocoulle marchar coma moitos emigrantes ourensáns. A cidade holandesa de Harlem acolleuno por anos, ao igual que La Región Internacional, para a que colaborou ao longo de case 40 anos. "Ao ano de establecerme alí, comecei cos comentarios para amosar o que vivía a emigración", comenta. 

Moitos recordos de portadas e artigos gárdaos este soldador de profesión e fotógrafo por paixón, con meticulosidade. "Todo o que fixen sobre a emigración está aquí, sempre fun moi activo", recorda. Momentos de mobilización, encontros con emigrantes e a vida en Haarlem forman parte da súa colección. "Candos nos quitaron a televisión española a nós e a italiana aos italianos, unímonos para protestar en Amsterdam para que nola devolveran", rememora. 

"Cos meus comentarios e fotografías amosaba como era a vida dos emigrantes", sinala Modesto Camoeiras

Esa imaxe de decembro de 1999 estaría presente na exposición que Camoeiras tiña organizada para 0 vindeiro 10 de agosto no seu pobo natal, agrupadas en 30 carteis cun recortes do xornal: "Todos ma piden dende fai anos e este ano lanceime, pero polo coronavirus decidimos retrasala", explica. Camoeiras, quen agora vive en Allariz, tiña todo pensado e incluso a data era significativa. Agosto, mes de retorno para os emigrantes ourensáns ao seu fogar. Pero tocaralle esperar ao vindeiro ano con outras peticións para expoñer. O Concello de Allariz xa lle ofreceu un espazo para amosar o seu traballo, pero Camoeiras ten claro o que quere: "Primeiro teño que facela no Cañizo, de onde son eu".

Todo o seu traballo condénsao nunha frase: "É a vida dos españois na emigración".  Polo que non tivo mellor maneira que reflexalo todo nas fotografías que La Región Internacional publicaba para que a emigración soubese o que pasaba nos lugares que residían. No seu caso, a pegada quedou en Haarlem e en Holanda, onde lle fixeron un documental na televisión holandesa. "Deixei 300 carretes alí para a biblioteca de Haarlem e outros tantas na Federación de Asociaciones Españoles en Holanda, cos que sempre estiven implicado", recorda.

 


Emigración comprometida


A súa chegada a Holanda serviu para que os emigrantes, non só galegos, unísense en Haarlem. Alí participou na fundación da Plataforma de Extranxeiros con españois e italianos na súa orixe: "Estiven nela 22 anos con dúas comisións polos países que a fixemos e, cando me fun, había 37 con moitas nacionalidades", explica. A documentación desta orixe, algo que tamén se poderá encontrar na mostra que agardará ata 2021. 

Toda a súa loita pola emigración e o seu posicionamento activo en Haarlem valeulle uha despedida por parte da cidade holandesa: "O concelleiro de Cultura entregoume un libro e un recordo cunha festa, na que os españois non faltaron", conta. 

Modesto Camoeiras recoñece o que fixo ao longo dos seus 80 anos nunha vida moi "activa", que o levou incluso a contar cunha exposición en Haarlem: "No museo da cidade tiven unha mostra do meu traballo xunto cunha muller holandesa", comenta. Isto é un exemplo máis da súa integración co país, polo que agora xa no súa terra outra vez, defínese como un home "con dúas raíces".  Cos anos enriba a paixón pola fotografía non se adormece, polo que segue recollendo todo o que o seu visor capta, ao igual co seu pasado emigrante que o divide entre Allariz e Haarlem.