viernes, 29 de marzo de 2024

SECRETARÍA XERAL DA EMIGRACIÓN

Un plan de axudas ós retornados emprendedores con liña anticovid

Retorno emprendedor - Santiago
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, con una emprendedora retornada en Santiago

A Secretaría Xeral da Emigración ven de convocar o programa de Axudas ao Retornado Emprendedor con obxeto de que os galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, poidan sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou que este programa de axudas ao emprendemento dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid 19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito, o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. 

En relación a esta última liña, cabe destacar que poderán ser beneficiarias as persoas con data de retorno a España entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2018, así como aqueles que retornando entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 foran beneficiados dunha subvención para o autoemprego da Secretaría Xeral da Emigración na convocatoria dese ano. 

Prazos de solicitude

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración, dos que 94 corresponderon ao 2020.  

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia. A Estratexia Retorna aprobada polo Consello da Xunta de Galicia inclúe medidas tanto específicas como transversais, destinadas por un lado a rexuvenecer a poboación galega e contribuír a superar a crise demográfica que atravesa a comunidade e, por outro, facilitar o dereito dos emigrantes galegos e máis dos seus descendentes a regresar a Galicia.

As axudas poden solicitarse ata o 30 de setembro e serán de ata 8.000 euros para a posta en marcha dunha nova iniciativa

Dentro destas medidas da Estratexia Retorna recóllese como un dos obxectivos promover o autoemprego e a creación de pemes por parte dos galegos retornados do exterior.

Nestes intres, están tamén abertas outras dúas liñas de axuda e apoio aos retornados galegos, como é a das bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME Máster), que este ano contarán con máis prazas dispoñibles e máis dotación económica asignada.  

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno). 

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Ademáis, tamén permanece aberta a liña de axudas extraordinarias para galegos retornados, que conta cun crédito orzamentario de 2,2 millóns de euros e que terá como obxectivo axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do retorno e das dificultades da actual pandemia.

Este ano, coma novidade, dos 2,2 millóns de euros de orzamento, alomenos 500.000 destinaranse directamente a atender situacións de emerxencia derivadas da actual pandemia da covid-19.

Deste xeito, as axudas contan con dúas liñas, unha destinada a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno; e unha segunda, de alomenos 500.000 euros, que ten por finalidade apoiar á unidadade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual da pandemia.

Os interesados teñen ata o 30 de setembro para solicitalas.

REQUISITOS

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as pesoas que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega, sexan galegas e nadas en Galicia e  os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Os requisitos comúns para as dúas liñas de subvencións que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes, son, entre outros, os de estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España, estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude e residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.