viernes, 26 de abril de 2024

Ourense: Rodolfo Prada, por fin na súa terra

Rodolfo-Prada-web

Un 3 de novembro de 1980 deixaba este mundo o galeguista ourensán Rodolfo Prada Chamochín en Bos Aires, Arxentina. Agora, 39 anos despois, a súa travesía rematou no lugar que o viu nacer. As súas cinzas descansan no cemiterio de Casdavil nos Peares, xunto coas da súa muller, Manuela Fraga, para cumprir o desexo deste "patriota galego, ourensán exemplar".

"As homenaxes comezaron cando, en 2016, Luis González Tosar propuxo a este ilustre galeguista ao Premio Ourensanía dese ano", apuntou Manuel Baltar, presidente da Deputación. Desde ese momento, iniciouse o traballo da Deputación para recuperar e dar a coñecer a "figura e o pensamento dun persoeiro fundamental de Galicia", sinalou o presidente provincial. Tamén destacou a "inxusta" posición de esquecemento na que viviu e a loita que fan desde a Deputación, en colaboración coa familia Prada e con González Tosar, biógrafo do ourensán, para lograr deixar a Rodolfo Prada no lugar que lle corresponde.

Baltar tamén confirmou que, xunto co biógrafo e coa documentalista da Biblioteca Provincial, Ángeles Fernández, farán unha edición de 40 cartas e outros documentos de Castelao dirixidos a Rodolfo Prada, que se publicará en Colección As Burgas, "herdeira daquela outra na que Prada e outros emigrantes ourensáns derón ó prelo o Sempre en Galiza de Castelao". Ademais, o organismo provincial creará un Centro de Interpretación do Galeguismo no terreo onde estaba a casa na que naceu Prada.

Baltar deu por finalizado este traballo que continúa co rescate da súa figura: "Neste día- por este domingo - cúmprese a vontade dun galeguista exemplar que defendeu os seus ideais con convicción, por iso saldamos unha débeda e seguiremos honrando a súa memoria e traxectoria".

Por outra banda, Gónzalez Tosar destacou a figura dun galeguista que coñeceu de primeira man: "Estivo en todo, foi o ourensán que mellor entendeu Galicia desde América". Aproveitou para facer un percorrido polo qu foi a súa vida, cando tivo que marchar a Arxentina, o que alí fixo e o recordo que sempre levaba consigo dos Peares e a súa terra. Tamén revisou a súa amizade con Castelao: "Coa súa chegada a Arxentina, converteuse no home máis fiel e leal ao rianxeiro".

Rodolfo-Prada-1-web

María Elena Prada agradeceu emocionada todos os esforzos para acadar esta última vontade do se avó e desexoulle que "descanse en paz en su tierra". En todo o acto, que contou coa interpretación da Coral De Ruada de "Negra Sombra" de Rosalía de Castro e os himnos de Ourense e Galicia, estiveron presentes numerosas personalidades das fundacións de persoeiros do galeguismo e das institucións culturais.

Os restos descansan nunha sepultura que representa a amizade que mantivo con Otero Predrayo e Castelao. A parte frontal leva a cruz de Igrexa de San Pedro de Trasalba, aldea de Otero Pedrayo, e que Castelao incluíu en "As cruces de pedra na Galiza". A lápida do galeguista ourensán recolle a súa última vontade: "Descansar na paz de Deus na terra na que nacín, cando Galiza recupere a democracia, arrebatada pola forza da barbarie, e acade o autogoberno do que é merecente como pobo con identidade propia".