Martes, 21 de Mayo de 2019

Ourense: Castelao imparte xa a súa lección

Castelao xa amosa desde hoxe a todo Ourense a "derradeira leición do mestre", o Guernica galego, e faino irmandado, por fin, co seu valedor na Arxentina, o intelectual dos Peares Rodolfo Prada Chamochín, xermolo, ademais, desa creación.  

Durante este mes, a icónica obra, cuxa chegada supón un fito histórico que sitúa á provincia e á cidade como a capital cultural de Galicia, a antiga biblioteca da Deputación converterase en lugar de "peregrinación cultural" para ver unha das obras mestras da emigración galega. 

O cadro, que chegou onte a Ourense desde a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, foi recibido no Pazo Provincial polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. 

Exposición

"A derradeira leición do mestre" estará nunha exposición que se inaugura hoxe e xa puido xuntarse onte co "irmau" da alma, o valedor de Castelao nos Peares, Rodolfo Prada Chamochín. É este un acontecemento histórico, xa que nunca se xuntaran as dúas grandes almas da emigración ourensá", na provincia. Na antiga biblioteca provincial, situada nos baixos do Pazo Provincial, inaugúrase a exposición "Castelao e Prada: Irmaus!", irmandando a estes referentes do galeguismo nunha mostra única. 

Esta ilustre obra pictórica –máis ca un cadro, é xa un símbolo, xa que é unha homenaxe ao ourensán Alexandre Bóveda, un mito do galeguismo, un dos mestres asasinados polo franquismo– chegou custodiada polo presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén. 

Baltar dixo que é "unha honra e un día histórico para a Deputación, por contar con esta obra mestra", remarcando que "Ourense é dos dous únicos puntos de Galicia onde se exhibe este tesouro da nosa identidade, e cuxo acordo tomamos en Bos Aires, nas dependencias do que foi no seu momento o Centro Orensano, entidade onde tiñan os seus despachos tanto Castelao como Prada".

Bóveda, un símbolo

Neste senso, Baltar reivindicou a "vertente histórica e formativa", polo que Bóveda significou para "a liberdade de expresión que simbolizou como ninguén Alexandre Bóveda" e que está en Ourense "por méritos propios e porque é de xustiza". Vila Alén tamén amosou "o orgullo e satisfacción" ante a presenza dun cadro que "amosa o que a emigración aportou a Galicia e a todo o mundo", e, sobre todo, que "Galicia é universal".