viernes, 19 de abril de 2024

Estratexia Retorna 2020: Medidas para fomentar el retorno da mocidade galega do exterior

BEME-entrega-diplomas
Acto de entrega de diplomas aos bolseiros da actual promoción polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o 29 de novembro.

A Xunta de Galicia ten en marcha diversas medidas especialmente dirixidas aos mozos galegos do exterior que queiran retornar á súa terra incluídas na Estratexia Retorna 2020 aprobada o 12 de abril de 2018 polo Consello da Xunta.

Algunhas destas medidas son as seguintes:

• Axudas Extraordinarias ao Retornado: A Secretaría Xeral da Emigración vén de multiplicar por máis de 3 veces o orzamento destinado a este programa para 2019 para cubrir a nova liña que permitirá que as familias que retornen con fillos de entre 3 e 18 anos perciban 1.000 euros a maiores polo primeiro e segundo fillo e 1.500 a partir do terceiro. A contía increméntase nun 25% se a familia se establece nun concello do rural. A dotación pasa aos 1,75 millóns desta convocatoria de 2019. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de agosto.

• Tarxeta Benvida: A Consellería de Política Social inclúe por segundo ano consecutivo un incentivo especial para os galegos que retornen con fillos menores de 3 anos. Adaptándose ás necesidades particulares deste colectivo, poderán solicitar esta axuda nos dous meses seguintes aos do seu retorno, en lugar de nos dous meses seguintes aos do seu nacemento, para que as familias que regresen con nenos, por exemplo de 2 anos de idade poidan tamén beneficiarse.

• Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME): A Secretaría Xeral da Emigración vén de incrementar nun 50 % o número de prazas e o orzamento para as BEME, que pasan de ofrecer 100 bolsas ao expedientes académicos máis brillantes do exterior para facer un mestrado nunha universidade pública galega a ofrecer 150, así como a súa dotación económica pasa de 860.265 euros de 2018 a máis de 1,3 millóns en 2019. O prazo rematará o 30 de abril.

•Bolsas de retorno para o Ciclo Superior de Formación Profesional (FP): A Consellería de Educación consolida o seu programa de bolsas para retornados para cursar o Ciclo Superior de Formación (FP) en Galicia na súa segunda convocatoria, que aínda non está aberta, con outras cen prazas para o exterior. n