sábado, 20 de abril de 2024

Luis González Tosar: "Rodolfo Prada foi o galego que mellor coñeceu o exilio en América"

Luis-Tosar-web
Luis González Tosar

Os restos mortais do histórico intelectual galeguista e "ourensán exemplar" Rodolfo Prada Chamochín repousarán este domingo, por fin, no cemiterio dos Peares, a terra que viu nacer o albacea testamentario de Castelao, e referente do galeguismo do exilio. As súas cinsas repousarán na súa terra canda as da súa muller, Manuela Fraga, nun acto, ás 12,00 horas, cumprindo así o seu desexo de ser enterrado na súa terra cando Galicia tivese goberno autónomo de seu. Grazas ao impulso de Luis González Tosar, quen trouxo os restos do galeguista de Buenos Aires, será posible acadar este fito histórico.

Quen era Rodolfo Prada? 

Case toda a súa vida pasouna en Arxentina, pero falou e escribiu perfectamente en galego, e sen acento arxentino. É asombroso, como el dixo, que na súa casa se empezase a falar galego na Arxentina, porque nos Peares estaba mal visto, pois eran clase media... É un dos grandes salvadores da cultura galega. Unha autoridade para falar sobre Castelao.Foi un patriota e activista galeguista, sempre desde unha perspectiva ourensá. Foi o referente do galeguismo en América, todo pasou por el. Era un home de unidade e consenso. 

Que supón para vostede o acto de enterrar a Rodolfo Prada nos Peares? 

É memoria histórica verdadeira, non é palabrería. É un galeguista histórico e vaise cumprir a súa derradeira vontade. 

Cando empezou este labor de recuperación da súa memoria? 

Empezamos no ano 2016, cando se plantexou concederlle a Ourensanía de Honra a Rodolfo Prada no xurado do Premio Ourensanía. A partir de aí, fíxose un acto nos Peares e foi cando a Deputación asumiu o compromiso de rescatar a figura deste gran home inmediatamente. Eu fun o vínculo, coñecía a familia, coñecérao a el, fora ás súas clases de lingua e historia galegas no Centro Galego. Púxenme en contacto cos netos e déronme a confianza e responsabilidade de rescatar a súa memoria. Logo busquei o respaldo institucional, coa Deputación, e inmediatamente deron o seu apoio. E iniciamos as xestións para o traslado. Os netos déronme os poderes no 2017 para poder exhumar as cinsas e cumprir o seu desexo de ser enterrado nos Peares. Mira se tiña apego polos Peares, que con 70 anos, no 1962, fixo unha viaxe para festexar o cumpreanos na súa terra, nunha celebración á que foi todo o mundo. Porque el era o referente en América. 

Cales foron as súas orixes? 

Os pais tiñan un comercio nos Peares. Eran de Barra de Miño e Coles, pero establecéronse nos Peares coa chegada do ferrocarril. Montaron un comercio de venda e hospedaxe, ao lado da estación. Sufriron un incendio, ardeulles todo e quedaron na ruína. Tiñan familia en Mendoza, provincia arxentina perto de Chile, e alí marcharon. El tiña 10 anos. Volveu aos tres ou catro anos, viviu na cidade e estudou no Irmáns Villar e nos Maristas. Con 15 anos volveu á Arxentina, pero toda a súa vida estivo vencellada a Ourense. 

Como empezou na Arxentina? 

Fixo estudos de comercio e comezou a traballar no Banco Anglo Hispano Americano en Mendoza. Casou novo e, pola súa valía, marchou aos 20 anos a Buenos Aires, á central do banco. Alí fundou a primeira Casa de Galicia, da que foi secretario. Coincidiu nos anos 20 con Blanco Amor, que marchou nese tempo, e outro grupo de ourensáns. Nos inicios vinculouse co agrarismo de Basilio Álvarez. Foi un galeguista moderado, non independentistas, e católico. Sempre loitou polo estatuto de autonomía para Galicia. Era un home culto e intelixente, puido ser un creador, pero sacrificouno pola súa acción política. 

Como era a súa relación co galeguismo do interior? 

El, desde América, ten contacto epistolar, ten un epistolario intenso, con miles de cartas, coas Irmandades da Fala. Convértese en home referencia do galeguismo. Participa na creación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), do que foi presidente. No 1931 faise o Partido Galeguista. El no 1933 viaxa á asemblea e noméano responsable do partido en América. Nesa asemblea coñece en persoa a Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo, Risco...

Desde Buenos Aires, no 1939, xestiona a chegada dos exiliados, fundamentalmente mestres, algún médico, exalcaldes que se libraran...O seu fillo contaba que tiña que compartir sempre o cuarto con xente exiliada. 

Estivo esquecido?

Fixo un labor impresionante e hai nuns anos non se falaba del nin se tiña en conta na historiografía. Na Real Academia Galega non saben nin quen é, cando fundou a asociación protectora da Academia na Arxentina, da que foi presidente, desde onde se enviaban grandes remesas de diñeiro. Manuel Murguía nomeouno académico correspondente polo seu apoio. E agora o presidente da Academia nin se presta a estar nun acto como o que se vai facer esta fin de semana...

Así e todo, nunca ostentou moitos cargos...

Era unha persoa de carácter afable, de pouco figurar, sempre en segunda fila, pero rigoroso e traballador. Nunca lle gustou o protagonismo. Nos anos da guerra recibe unha oferta da familia Andreu, familia catalanista conservadora. Contactan con el e encomendáronlle abrir na Arxentina un laboratorio. Ao final da guerra, os anarquistas toman Barcelona e toman o laboratorio central dos Andreu. Entón, el conserva o da Arxentina e abre máis por Sudamérica, pasando a ser xerente de América. Empezou a viaxar moito por eses países, foi o galego que mellor coñece América, contactando coa comunidade galega que residía neles. Foi quen reconstituíu o galeguismo e o artífice de que Castelao acabase na Arxentina, converténdose no seu home de confianza. 

Como foron eses anos de posguerra para Prada?

Conseguiu unificar as sociedades ourensás, que daquela estaban divididas en comarcas, concellos, nun Centro Ourensán, e púxolle a Castelao un despacho alí. O Centro Ourensán foi centro referente, foi o primeiro en reivindicar a morte de Bóveda, o primeiro lugar on se celebrou o Día da Galicia Mártir. E tamén é o que edita por vez primeira o "Sempre en Galiza", coa Editorial As Burgas. Castelao encoméndalle resucitar o Partido Galeguista, chamoulle Irmandade Galega. Prada contacta con exiliados e emigrantes e apoia que Galicia ten que ter un gobierno no exilio igual ca Cataluña ou País Vasco. Foi o secretario de organización daquel goberno no exilio, que non recoñecían galeguistas do interior como Ramón Piñeiro ou Fernández del Riego. Incluso viaxou a Galicia para resolver esta cuestión e limar asperezas. 

Como continuou co legado de Castelao?

El estaba en contra de liquidar o Partido Galeguista e quería manter o Centro Ourensán. O seu nome incluso se barallou como presidente preautonómico, volvendo do exilio, como Josep Tarradellas, inda que ao final foi Xosé Quiroga. No caso do traslado dos restos Castelao a Galicia, foi reacio naquel momento, ata que se deran as condicións, xa vía que podía haber conflito.