Elecciones gallegas 18F

Ana Pontón: “Pido unha oportunidade, unha presa de votos decidirá o 18F”

Entrevista a Ana Pontón, candidata do BNG ás eleccións galegas do 18F

Ana Pontón ulisca un cambio en Galicia con ela como primeira presidenta da Xunta. Mesmo di que o PP expón a campaña electoral coma se estivese na oposición. Chega lixeira á entrevista de Telemiño e marcha cun sorriso cara Monforte polas fochas do alto da Guítara.

De nova quería ser reporteira de guerra. Pensaba que de maior ía dar tanta “guerra” politicamente falando?

De nova pensaba nos reporteiros de guerra porque informan de cuestións que doutro xeito non coñeceriamos. Seguro que tamén me influíu algunha película que nolos presentaba dun xeito moi romántico. O xornalismo ten unha función social moi importante, como tamén a política, porque soluciona os problemas. De pequena non pensaba que eu fose ser candidata á presidencia da Xunta, ao mellor hai doce ou quince anos diría que non. Con todo, hoxe por primeira vez creo que é posible ter unha presidenta e que fagamos historia todas as mulleres. 

Que é o “Plan Ourense Vivo”?

Unha aposta moi clara por poñer Ourense no mapa. Levamos demasiado tempo vendo como a provincia non está na axenda galega. Este foi un goberno que deixou unha Galiza e un Ourense peores. Non medra a poboación, non hai proxectos que dinamicen unha zona cun enorme potencial. Este plan ten 35 eixos de actuación con medidas concretas para provocar un desenvolvemento socioeconómico mellorando a sanidade e apostando por atraer novas industrias cun fin: que Ourense empece a gañar e esqueza a súa marxinación nas políticas da Xunta.

A A-76 é unha infraestrutura demandada por valdeorreses e ourensáns dende hai décadas, pero non entrou no pacto entre vostedes e o PSOE para facer presidente a Pedro Sánchez.

O BNG tampouco pode ser o responsable de todo o que non fan os demais. Nós acadamos un acordo de investidura positivo para Galiza e para Ourense. Aí aparece un xulgado específico de violencia de xénero, unha rebaixa nas peaxes da AP-53 -hai que esperar a que se aproben os orzamentos para que se aplique cunha redución de ata o 75% para os usuarios habituais- e hai tamén unha aposta por modernizar o ferrocarril. Cun só deputado en Madrid non podemos solucionar todos os problemas do país, pero queda moita lexislatura e o BNG vai ter un voto decisivo para manter unha aposta firme por Ourense. O BNG ten un compromiso moi claro co reequilibrio territorial, é básico. Un país non pode ter dúas velocidades, non podemos ver como hai unha zona que está tendo moito dinamismo mentres outra queda despoboada. Isto non ocorre porque si, senón porque se aplicaron políticas que minaron a capacidade do noso sector agrario -as tractoradas destes días son absolutamente xustas- porque o que se necesita é garantir prezos xustos. O BNG foi moi crítico coas políticas da UE ao respecto da PAC; dende o principio dixemos que había un deseño que ía prexudicar aos nosos sectores económicos e temos unha incapacidade por parte da Xunta para defender a eses sectores. Eu serei moi esixente con Madrid, porque precisamos un goberno que defenda os nosos intereses. Eu quero ser esa presidenta.

E en materia de trens?

Quero que a próxima lexislatura sexa a da modernización ferroviaria. É un medio ecolóxico e vertebra o territorio. Activaremos un ente ferroviario galego, xa que temos competencias recoñecidas no Estatuto. Isto permitiranos mellorar as vías e incorporar novas frecuencias e servizos de proximidade. Galiza é a única zona do Estado sen servizos de proximidade. Imos ser esixentes co Goberno central para que invista máis nestas melloras, pero tamén a Xunta pode ter a súa propia rede e os seus propios servizos.

O PP di que Jácome é alcalde porque vostedes non se sentaron con eles e o PSOE para negociar unha alternativa.

O PP apoiou a Jácome porque quixo, o resto son ganas de enturbar o debate e de confundir a opinión pública. O BNG dixo dende o primeiro momento que son dúas caras da mesma moeda e estamos vendo que se apoian os uns aos outros porque, no fondo, están defendendo as mesmas políticas.

Levamos as cámaras de Telemiño á rúa e a primeira intervención dun cidadán, como pode escoitar, fala da sanidade.

Na sanidade temos un problema moi grave porque durante estes quince anos o PP recortou máis de 2.000 millóns de euros en Atención Primaria. Isto provoca que haxa lista de espera para poder ir ao médico de cabeceira e que miles de nenos e nenas non teñan pediatra. Hai pouco estiven no Carballiño e en Xinzo, e hai unha preocupación moi normal. Por iso propoñemos un plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns para adoptar nos cen primeiros días de goberno. Hai que incrementar profesionais e especialidades como a psicoloxía clínica, porque non pode ser que a única axuda que se lles ofreza ás persoas con problemas de saúde mental sexa unha caixa de antidepresivos. Ourense, unha das áreas sanitarias con peores indicadores, necesita máis servizos: unha unidade de ictus ben dotada -tendo en conta que é unha das zonas cunha maior porcentaxe en todo o Estado-, unha especialidade de xerontoloxía para a poboación envellecida e seguir dimensionando os hospitais comarcais con máis recursos. Hai un deterioro e moitos profesionais xa non queren vir aquí, porque se devaluou a sanidade pública. Temos que incentivar que eses profesionais queiran estar en Ourense con mellores contratos e opcións de investigación ou formación. Hai que  rescatar a sanidade pública: é a que garante que todos e todas sexamos iguais ante a enfermidade.

Dos 43 anos que levamos con gobernos da Xunta, 36 foron do PP. Que lle fai pensar que os galegos van cambiar “agora”, como di  o seu lema?

Estamos nas eleccións máis abertas dos últimos 15 anos e percibo que hai ganas de cambio na sociedade. A xente está cansada da xestión do PP porque, se pensamos no balance desta etapa, cal é o seu legado? Administrou máis de 167.000 millóns e o que nos deixa é unha sanidade peor, unha peor educación pública, cero residencias públicas construídas, 200.000 mozos e mozas emigradas, perda de emprego industrial e nos sectores produtivos básicos. A min hoxe, o que me pasa vindo ata Ourense, é que a xente te para e che di: “Ana, este é o momento en que este país necesita un cambio”. Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo distinto. Por iso, o 18  podemos facer historia tendo a primeira muller presidenta e coas mans libres para defender os intereses deste país. Ademais, temos un proxecto que confía no potencial: o que podo observar nesta campaña é que o PP non está a presentar as súas alternativas, estannos facendo oposición, non vemos que teña proxecto e ilusión por defendelo. En Galiza temos grandes cousas por facer. Por exemplo, a enerxía eléctrica: Ourense é un exemplo de décadas de grandes encoros producindo electricidade que non deixan ningún tipo de beneficio. Estas son as cousas que nós queremos cambiar apostando por unha compañía eléctrica 100% pública para que, cando estes encoros deixen de estar en concesión, pasen ao ámbito público; ou para que, no desenvolvemento das enerxías renovables, poidamos poñelas ao servizo da sociedade galega. Creo que a xente está pedindo un cambio, porque ve que co goberno do PP imos cara atrás e Galiza é cada vez máis pequena, e observan que no BNG temos a ilusión de construír unha Galiza grande.

Ana Pontón en Telemiño
Ana Pontón en Telemiño

Vese presidenta?

Teñen que verme os galegos e as galegas. Estou convencida de que estamos máis cerca que nunca e de que temos a oportunidade de poñer en marcha o cambio que necesita este país. Para conseguilo é clave que todas esas persoas que queren unha Galiza mellor concentren o seu apoio no BNG. Dá igual o que votasen noutras ocasións, hai moitas formas de sentirse galego e todas son necesarias para ese cambio. Eu quero pedirlle aos galegos e ás galegas que me dean a oportunidade de demostrarlles que o podemos facer mellor.

Outra veciña da cidade pregúntalle que axudas darían aos autónomos.

En Galiza desapareceron 23.000 autónomos en 20 anos mentres no Estado subiron. Isto quere dicir que aquí temos un problema específico, estase debilitando o impacto que teñen os autónomos na economía galega. Cremos que necesitamos unha nova lei de comercio que regule horarios, rebaixas, e que se faga en consenso co sector, pero coa idea clara de apoiar ao pequeno comercio. Temos competencias para articular esa regulación. Apoiaremos ó emprendemento, tamén no rural. Unha das nosas medidas é un tícket rural que vai supoñer axudas de ata 15.000 euros durante 5 anos a aqueles que queiran emprender no rural e cunha rebaixa na cota que pagan á Seguridade Social. É unha forma de que as persoas cun proxecto teñan un colchón nos primeiros anos, que son os máis difíciles. 

Invita aos autónomos a emprender no rural, pero faltan servizos.

O rural necesita outra política. Se non tes médico, nin colexios, nin escola infantil, nin internet… como vas quedar no rural? O que fixo o PP foi recortar servizos nesas zonas, nós queremos recuperalos. É necesaria unha discriminación positiva, porque hai moitas escolas que pechan sabendo que vai haber nenos que cubran a matrícula.  Tamén me parece clave, nun rural tan envellecido, que sexamos capaces de darlle unha atención ás persoas maiores. Outra das nosas propostas é incrementar nun 66% nos dous primeiros anos os recursos da axuda no fogar. Temos unha débeda cos maiores e teñen dereito a unha vellez tranquila.

Se fose autónomo e do PP, por que tería que cambiar de voto?

O que lle diría, con independencia do que votara noutras eleccións, é que Galiza necesita un cambio. Un goberno do BNG vai  beneficiar aos autónomos con medidas como apoiar máis ás nosas empresas locais a través da compra pública. Isto é posible facelo se temos en conta criterios coma o km 0 ou non emitir CO2. Temos que facer un novo modelo de compra pública para que todas as pemes poidan ter vantaxes competitivas para acceder aos concursos públicos. Isto fano os vascos dende hai moito. Nun momento no que están tendo tantos problemas de acceso ao crédito, é clave que fagamos unha reformulación do Igape para transformalo nun Instituto Galego de Crédito que poida cubrir os espazos que a banca tradicional non facilita.

Outra veciña fala dun termalismo abandonado na cidade.

É un disparate o que está pasando co termalismo aquí. Non pode ser que haxa menos establecementos termais abertos hoxe que hai quince anos, ou que a Xunta puxese en marcha unha lei que vai en contra do termalismo e do desenvolvemento dun modelo termal. Aquí temos un “mix” que é moi perigoso: un goberno municipal que non cumpre as súas funcións e un goberno da Xunta que as dificulta. Imos cambiar a lei termal e apostar por un modelo onde se dimensionen as infraestruturas e toda a capacidade que hai nese ámbito e apostar por que o termalismo sexa non só unha alternativa económica, senón que aporte na saúde e na calidade de vida.

Galicia é unha nacionalidade histórica. Vostedes onde a queren levar: á independencia, a un estado federal, a unha autonomía máis desenvolvida…?

Galiza é unha nación histórica cunha realidade plurinacional, multicultural e plurilingüe e iso é un orgullo. Se fomos dos primeiros en acceder á autonomía é por ese recoñecemento e o traballo doutras xeracións. Nestes últimos 15 anos, o noso autogoberno tamén se fixo máis pequeno, non acadamos nin unha nova competencia mentres vimos como outros si: Cataluña 11, Andalucía 14 e Euskadi 26. Isto significa quedar atrás mentres outros avanzan, porque o autogoberno é unha ferramenta para vivir mellor e desenvolver o país, non é un fin en si mesmo. A miña primeira prioridade como presidenta será esixir ata 35 transferencias pendentes. Agora hai un debate aberto no Estado sobre o modelo territorial. As nacións históricas van avanzar, e Galiza ten que ter voz propia para non quedar por detrás de Euskadi e Cataluña. Por exemplo, necesitamos a xestión das cuncas hidrográficas cunha visión de país.

A Confederación Miño-Sil estaría nesas demandas?

Evidentemente, vai estar entre as prioridades das competencias que queremos para poder xestionar o noso e responsabilizarnos do país. O PP está moi cómodo cando xestionan desde Madrid, porque é como ver os touros dende a barreira, entón o único que fas é criticar. 

Sumar ocupa parte do seu espazo ideolóxico e do PSOE: é un erro que se presente en Galicia?

Eu son unha persoa que cre na democracia e no pluralismo político, polo que todas as forzas teñen o dereito de presentarse, e ten que ser a cidadanía quen decida cal é a representación que lle dá a cadaquén. Si que teño moi claro que estamos nun momento moi decisivo, xa que o futuro vai depender dunha presa de votos e a clave para o cambio é concentrar o voto no BNG.

Facilitaría un pacto de bandeiras vermellas?

A cidadanía aínda non votou e non se pode falar de pactos. Unha vez coñezamos o resultado poderemos avanzar en negociacións.

Cal é o seu compromiso coa igualdade?

Necesitamos que as políticas de igualdade gañen peso na Xunta. Unha das miñas primeiras decisións vai ser que esas políticas dependan de Presidencia. Para min vai ser un empeño persoal que haxa máis recursos para loitar contra a violencia machista e que sexamos capaces de avanzar na igualdade laboral. Sabemos que, aínda hoxe, hai traballos nos que as mulleres cobran menos que os homes tendo o mesmo posto. Tamén quero avanzar na conciliación e na corresponsabilidade: non pode ser que os coidados sigan recaendo de xeito maioritario nas mulleres.

Ana Pontón en Telemiño
Ana Pontón en Telemiño

Te puede interesar