miércoles, 24 de abril de 2024

Tacholas, o señor do teatro na diáspora

Tacholas en Buenos Aires
Fernando Iglesias “Tacholas” e Maruja Boja son saudados por Castelao nunha emisión radial en Buenos Aires

Antonio Piñeiro - La Región

Cos ecos da Mostra Internacional de Teatro aínda resoantes na platea do castelo de Ribadavia, asómaseme por entre bambalinas a figura enxoita de Fernando Iglesias “Tacholas”, un ourensán que con vinte anos sentiu a necesidade de abrir novos horizontes e encarou os mares do sur sen esquecer nunca as súas orixes. Nacido coa vocación artística da representación, en Buenos Aires coincidiu con Castelao, Blanco Amor, Maruja Boga e tantos que converteron a cosmópole arxentina na capital cultural de Galicia.

Malia que, como ten acontecido en tantos casos ó longo de xeracións enteiras, o tempo tense encargado de botarlle terra ás interesantes vidas vividas de tanta e tanta xente nacida en Ourense, o caso de Fernando Iglesias Sánchez non debemos incluílo no estante dos “anónimos”, xa que logo, ó longo da súa vida gozou dunha importante popularidade en Arxentina e incluso nos últimos anos da súa vida, tamén en amplos sectores culturais do ámbito da escena e da interpretación de Galicia e mesmo ten sido obxecto de estudos biográficos por parte de xornalistas e historiadores.

Sen embargo, se xiramos o obxectivo e ampliamos o campo visual da sociedade actual, o seu grao de coñecemento redúcese dun xeito esponencial ata mínimos  insignificantes, o cal non lle resta un decimal ós merecementos que este ourensán atesourou na súa vida. E non só no tocante á súa traxectoria profesional, senón tamén á súa loita permanente pola dignificación da sociedade galega naquel país. Velaí, a razón de ser desta historia de vida, ó mesmo tempo ca centos de músicos, actores e actrices galegas, técnicos de escena e outros, percorren a nosa xeografía para amosaren a súa arte, herdeira sempre da de aqueles esforzados pioneiros.

Fernando Iglesias abre o telón da súa obra vital o 25 de agosto de 1909 na capital ourensá, no berce dunha familia relacionada co mundo da escena, non en van o seu padriño Julio Losada era o administrador do Cine Teatro Apolo ourensán. O colexio dos Maristas, a capela catedralicia e, fundamentalmente, a Coral de Ruada achégano de neno á música e á escena, polo que, cando en 1929 decide viaxar a Buenos Aires -onde residían seus pais- diriamos que xa levaba o verme da interpretación inserido na súa carta de natureza.

Alí, segundo escribe o profesor Carlos Biscaínho, atopou unha sorte de campo aboado con persoas tan significadas como Varela Buxán, Núñez Búa, Rafael Dieste, Blanco Amor, Maruja Villanueva ou Maruja Boga, coas que estableceu unha relación profesional que marcaría a súa traxectoria futura.

“El joven Tacholas -di Biscainho- se hace muy popular cantando, recitando, contando historias o simplemente presentando galas en la lengua de Galicia, luchando denodadamente contra los estereotipos deturpadores que el sainete bonaerense -muy popular en esos años- transmitía de los gallegos”.

Fernando Iglesias -continúa Biscainho- “encarna con orgullo a paisanos dignos e intenta transmitir una visión verista de los individuos de su tierra, alejada de los tópicos simplistas y desvirtuados de otros actores que tanto ofendían a los emigrantes”.

E isto levouno ata o punto de que, cando xa a súa traxectoria actoral dera o salto ó cine (a partir de 1950 protagonizou máis de medio cento de películas) e xa era recoñecido por profesionais tan prestixiosos como o fundador do “Actor’s Studio” de Nova York, Lee Strasberg, chegou a poñer como condición para traballar nalgunha película, que se modificase o guión “de ciertas expresiones que ridiculizaban el habla de los gallegos”.

Castelao, Maruja Boga e a súa filla Clotilde Iglesias como extensión vital da súa obra

Clotilde Iglesias e Maruja Boga, dúas mulleres esenciais na vida de Tacholas.
Clotilde Iglesias e Maruja Boga, dúas mulleres esenciais na vida de Tacholas.

A traxectoria de Fernando Iglesias -que tomou o nome artístico de Tacholas dun comentario do autor teatral, Núñez Búa- non se pode entender sen os seus inicios na radio, así como sen a presenza do propio Núñez Búa, de Varela Buxán, e sobre todo de Castelao, Maruja Villanueva e Maruja Boga, coa que funda unha compañia estable denominada “Compañía de comedias gallegas Boga-Tacholas”. Sen estes e outros personaxes pero, sobre todo, sen a súa intervención -o 14 de agosto de 1941, coa compañía de Maruja Villanueva- como primeiro actor na representación da obra escrita por Castelao “Os vellos non deben de namorarse”, que acadou un enorme éxito entre a comunidade galega de Buenos Aires.

 Tras uns anos coa compañía montada con Maruja Boga -que aínda que non nacera en Galicia, tiña unha profunda conciencia galega alimentada por seus pais- que compaxinan coa actividade radiofónica, a partir de 1945 Maruja Boga aséntase nun programa titulado “Recordando a Galicia” na popular Radio Rivadavia, que mantería en antena ata 1984, mentres Tacholas mergúllase na industria cinematográfica, tanto en series de televisión coma na gran pantalla, ata case o seu falecemento acontecido o 14 de maio de 1991, non sen ter deixado sementada para o futuro unha estela co nome de Clotilde Mercedes Iglesias, unha bailarina clásica que no mes de agosto de 1963 tivo a portunidade de visitar Galicia.

Ese mesmo día, Clotilde Iglesias é sopresivamente “cazada” por un xornalista de “El Pueblo Gallego” na Estación Marítima de Vigo, onde reafirma, orgullosa, a súa relación  filial con Fernando Iglesias,  de quen indica que “se le conoce por Tacholas, un actor en toda línea que ahora se ha especializado en el arte dramático y se dedica por entero a extender la cultura gallega”.

Nese momento Clotilde Iglesias formaba parte dunha compañía de danza contemporánea denominada “Baires”, que viaxaba a Galicia compaxinando unhas vacacións coa exploración de posibles actuacións en España.

“¿No actuarán ustedes en España?”, pregunta o xornalista. “Primeiro hay que ver esto -responde a bailarina-. España es un museo viviente y aquí aprenderé muchas cosas”. “¿Y hasta cuando entre nosotros? Hasta que se me acabe el dinero”, respondeu a moza, evidenciando que as viaxes de ida e volta da emigración nunca son iguais.