viernes, 26 de abril de 2024

POR ANTONIO PIÑEIRO: CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

José López Rodríguez, "Pote": De pobre en Maside a rico na Habana

<p> Panorámica da urbanización Miramar coa ponte de Pote antes de que fose substituída polo túnel en 1958. </p>
Panorámica da urbanización Miramar coa ponte de Pote antes de que fose substituída polo túnel en 1958

Antonio Piñeiro

A caída do viaduto da A-6, que tantas dores de cabeza lle está traendo ó Ministerio de Fomento, tróuxome á idea unha vella lectura -que agora retomo-, sobre a figura dun mozo de Maside coñecido como “Pote”, que chegou con 18 anos e analfabeto a Cuba e acabou regalándolle unha ponte levadiza á Habana, rematando logo a súa vida pendurado dunha saba, non sen ter probado os máis altos sabores da fortuna como propietario, entre outros moitos negocios, do Banco Nacional coas accións que lle mercara a J.P Morgan.

No inabarcable mundo da emigración galega en xeral e da ourensá en particular, existen multitude de casos que responden ó perfil do mozo (na súa inmensa maioría eran homes) que nun momento dado da súa vida dáse conta de que no seu entorno aldeán non hai futuro e decide abandonar o fogar familiar para lanzarse a aventura de vida, chegando a conseguir auténticas fortunas que hoxe están perfectamente asentadas aínda nos seus paises de residencia.

Logo, hai moitísimas máis -nestes casos todas elas anónimas-, nas que a deusa da fortuna non lles logrou sorrir, perdendo completamente as súas raíces aquí e dedicándose a vivir a vida como puideron nos lugares ós que os trasladou o albedrío.

E por desgracia tamén houbo incontables casos daqueles que, querendo fuxir da miseria das súas aldeas, acabaron sendo vítimas propiciatorias das circunstancias, morrendo no anonimato e na miseria a milleiros de quilómetros das súas casas.

O que non é moi habitual, neste relato colectivo -malia que aquí xa contásemos un caso- é que un home sexa quen de fuxir do casal humilde do seu pobo, chegue a unha cidade emerxente, atesoure unha inmensa fortuna para a época e acabe finalmente arruinado e mesmo coa súa propia vida.

Velaí, en versión moi resumida, a traxectoria de José López Rodríguez “Pote”, un mozo de Maside que ós 18 anos decidiu emigrar a Cuba, chegou en 1880 á Habana e dez anos despois -por cuestións de faldras- xa era  propietario de “La Moderna Poesía” e que el mesmo transformaría  na librería máis importante da illa.

Dependente de comercio á súa chegada, o matrimonio viúva propietaria da devandita librería, abriulle as portas para comezar a entrar no salón da elite da sociedade galego-cubana e mesmo para lanzalo á pasarela da fama por todo o país ó non se lle ocorrer mellor, lanzadeira publicitaria ca inserir unha fotografía súa nas libretas que tódolos estudantes cubanos mercaban.

Coa librería completamente asentada, ampliou os horizontes empresariais e montou o primeiro obradoiro de impresión en aceiro, diversificou as rendas cara outros sectores económicos como foi industria azucareira e, sobre todo, intuíu cara onde sopraban os ventos da política e apoiou o daquela emerxente independentismo cubano da man de quen acabaría sendo presidente do país, José Miguel Gómez, xa no ano 1907.

A partir de aquí, a carreira empresarial daquel mozo case analfabeto nas terras de Maside, comezou a elevarse á velocidade do lóstrego e xunto con outros facendados crearon unha sociedade para levantar unha gran urbanización ó outro lado do río na Habana. Pero a súa grande obra financeira, que sería á postre a que lle custaría a vida, chegou cando lle mercou ó responsable da financeira americana J.P. Morgan (famosa, cen anos despois, por ser a provocadora da crise mundial da década pasada) as accións do Banco Nacional da Illa de Cuba, do cal se posicionou como vicepresidente e máximo accionista.

Unha ponte sobre o río Almendares, unha crise financeira e un suicidio cunha saba

Coa figura do presidente da nova república bebendo da súa man, José López “Pote”, montou a “Reparto Miramar Sociedad Anónima”, unha gran finca situada ó outro lado do río Almendares que beireaba daquela a capital cubana, onde promoveron unha gran urbanización que precisou a construcción dunha gran ponte que mentres se mantivo en pé foi coñecida como a ponte de Pote.

Unha ponte certamente espectacular, tal e como se pode contemplar na multitude de imaxes que dela se conservan na rede e que José López lle regalou de forma altruísta á cidade da Habana, tal e como relatan os seus biógrafos, entre eles, o historiador masidao, Xosé Ricardo Rodríguez Pérez, quen especifica que “el llamado ‘Puente de Pote’ o ‘Asbert’, fue inaugurado en 1921”, tan só uns meses denantes de que José López acabase coa súa vida.

A espectacular ponte, que tiña un tramo levadizo co fin de facilitar o tránsito marino, mantívose en pé ata o día 9 de febreiro de 1958, cando se iniciou a súa demolición para facilitar a construcción dun túnel que é o que aínda hoxe lle da servizo e comunicación ás xentes que transitan de unha a outra beira do río da Habana .

Dada a cercanía deste evento coa inevitable crise económica, tamén hai quen defende a teoría de que máis ca unha doazón por parte do emigrante ourensán á cidade habaneira, o que se deu foi un embargo do goberno cubano polas débedas que o Banco Nacional comezaba a ter contraídas.

E tan foi así que unha entidade que en 1920 contaba cun capital de 190 millóns de dólares e máis de 120 sucursais por todo o país,, viuse completamente arrastradaá creba, deixando a un gran número de emigrantes españois -unha boa parte deles galegos e polo tanto tamén ourensáns- na miseria, de aí que, como relata un dos eus biógrafos, “López Rodríguez, se suicidó el 28 de marzo de 1921 en su domicilio, utilizando para ello una de las sábanas de su lecho, con la que hizo un lazo corredizo. En una carta de la que se incautó el juez, el sr. López hace una extensa relación de los móviles que lo impulsaron a llevar a cabo tan extrema resolución, en la que también acusaba a distinguidas personalidades pertenecientes al mundo financiero, político y comercial, de haberles hecho distintas sustracciones de cuantiosas sumas, y así como documentaciones de gran importancia”.