miércoles, 24 de abril de 2024

Odilo Estévez, o magnate da herba-mate

Odilo Estévez
Odilo Estévez y su esposa, Firma Mayor

Antonio Piñeiro - La Región

Hai arredor dunha ducia de anos, a alcaldesa de Ramirás, Pilar López, faloume deste seu veciño e pasoume un catálogo do seu museo. Prometín escribir sobre el, pero o tempo e as circunstancias fórono adiando. Ata esta semana, na que o Día Internacional dos Museos me levou a revisar, non só o seu legado, senón unha biografía que dá fe dun prototipo máis dese facho de ourensáns que puxeron o mundo por monteira e á par que foron quen de encheren os seus petos, alumearon os seus lugares de acollida.

Afirman, todos cantos afondaron na traxectoria vital de Odilo Estévez Yáñez, que as súas orixes agroman en 1880, en Freás de Eiras, “un pueblecito perdido de la geografía de Galicia” e no berce dun casal formado polo “juez o escribano” Manuel Estévez Gil e Generosa Yáñez Reza, que trouxo ó mundo a un fato de nove fillos, catro dos cales procuraron futuro na Arxentina.

Un deles foi, loxicamente, o neno Odilo, que con só 14 anos e espoleado por un dos seus irmáns maiores, tamén quixo xogar á ruleta da fortuna no dourado cono sur, asentando inicialmente na pequena cidade de Colón, na provincia de Entre Ríos, onde, coma tantos, comezou a traballar en todo canto lle saía ó paso baixo o amparo dalgún dos seus tres irmáns, ata que -tamén, coma tantos- atopou nun muíño de herba de mate (molino yerbatero, chámanlle alá) o punto de ignición do que había ser unha tan fulgurante como proveitosa carreira empresarial.

Traballou de sol a sol, ata que, cando aínda non cumprira os 30 anos, conseguiu a propiedade do muíño, trasladando a residencia de contado á cidade de Rosario.

Alí, os camiños da vida cruzáronse cos de Firma Mayor, filla dun emigrante catalán, propietario do principal taller de forxa e cerraxería artística de Rosario e contaba xa cun bo posicionamento social na emerxente e cosmopolita cidade fluvial.

Aqueles que estudaron as súas biografías aseguran que “es un misterio” como foi que se coñeceron e como namoraron. Sen embargo, no que si coinciden é que, dende que saltou a chispa entre ámbolos dous e dende que casaron, en 1899, “fueron inseparables”.

Inseparables nas cuestións familiares, inseparables nas aficións e nos gustos mundanos, inseparables nos investimentos empresariais e inseparables no proxecto de coleccionismo no que se embarcaron, ó ver que o destino non os ía fornecer de descendencia, e que os levou a realizaren multitude de viaxes por Europa.

O muíño da herba de mate de Colón deulle pé para afondar nos coñecementos industriais da elaboración do gran produto nacional e, xa por el só ou asociado con outros empresarios do ramo da cidade rosareira, comezou a importar a folla de mate de Paraguay, fundando a sociedade “Estévez y Cia.” e poñendo no mercado de todo o país varias marcas comerciais, á fronte das cales estaba a máis popular de todas, “Yerba 43”.

Con dous muíños a pleno rendemento, o seu irmán Emilio como apoderado da empresa, máis dun cento de traballadores operando nela e negocios agropecuarios nos arrabaldos de Rosario, Odilo e Firma vanse asentando tamén na elite política, social e cultural da terceira cidade do país. Non en van, ademais de acceder á xestión municipal polo partido “Liga del Sur”, Odilo participa na fundación do Club Argentino de Pelota, entra na sociedade do Club Social de Rosario, colabora activamente no Club Español, na comisión do Hospital Español e noutros moitos estamentos benéficos e sociais das colectividades locais e hispano-migratorias da cidade.

Neste contexto, en 1921 deciden adquirir unha casona con fachada de mármore de Carrara na céntrica praza do 25 de Maio, que foi ampliada, tempo despois, coa adquisición dun segundo palacete situado ó seu carón e que hoxe acupa o Consulado Español en Rosario.

De corte renacentista e configuración planimétrica interior, con patio de estilo andaluz, toda canta obra de arte compraban nas súas viaxes polo vello continente ou nos marchantes de arte de Buenos Aires ou da propia cidade de Rosario, tivo como destino as paredes ou os mobles das diferentes salas do edificio baixo o principio barroquista do “horror vacui”.

Foron anos dedicados plenamente á adquisición -case compulsiva- de obras de arte. Pinturas de autores europeos, marfís orientais, pratería hispanoamericana, tapices, alfombras, cristais, mobles e porcelanas que, co tempo, servirían de base para que en xullo de 1968, ós catro anos de falecer Firma -20 anos recluída dende a morte de Odilo-, quedara inaugurado e nas mans da municipalidade rosareira, o “Museo de Arte Decorativo Firma y Odilo Estévez”.

Unha misteriosa finca e un roubo de cinco cadros valorados en 12 millóns de dólares

Ademais dos predios conseguidos nas zonas máis nobles da capital de Santa Fe, o matrimonio fíxose, no ano 1925, cunha finca de 16 hectáreas, situada no lugar de Capilla del Monte (Córdoba), onde Odilio Estévez falecería en 1944 e que chegou a contar cunha dotación permanente de 19 operarios para o seu coidado.

A finca foi bautizada como “Villa Firma” e, non sen ter pasado por diversas mans privadas trala desaparición do matrimonio, hoxe está tamén ó servizo público da comunidade de Capilla del Monte e non exenta de misterios por desvelar, que evocan tempos de masonería, exoterismo e mesmo da chamanería, xa que logo entre os seus límites atópase un antigo asentamento indíxena.

Incluso, coa fuxida de Alfonso XIII da España republicana, hai quen afirma que lle foi ofrecida como lugar de retiro que o descabezado monarca refutou por unha estadía máis próxima en Roma.

E se a finca tivo vida propia alén da presenza de Odilo e Firma nela, non menos lle aconteceu ó museo por eles fundado e donado por Firma á cidade de Rosario.

Odilo Estévez Museo
Una de las salas principales del Museo está presidida por una imagen de la pareja

O episodio máis espectacular tivo lugar o 2 de novembro de 1983, cando tres ex-paramilitares xurdidos da desfeita da ditadura e reciclados nunha gavilla de ladróns de obras de arte, entraron armados no museo, amordazaron a dúas coidadoras residentes na casona e marcharon cos cinco cadros máis valiosos da pinacoteca.

“Retrato de un joven”, de El Greco, “El profeta Jonás saliendo de la ballena”, de José de Ribera, “Retrato de Felipe II”, de Sánchez Coello, “Retrato de María Teresa Ruíz de Apodaca”, de Goya e “Santa Catalina”, de Murillo, foron as cinco obras escollidas polos rateiros e valoradas nesa época en 12 millóns de dólares.

Das cinco, ata o momento só foron recuperadas tres, o retrato de Felipe II en 1989, a obra de Goya en 1995 e, en 2018, a “Santa Catalina” de Murillo.

Logo, unhas obras de mantemento nos baixos do palacete forzaron o peche do museo durante uns anos, tempo no que foron atopados no subsolo do mesmo, vestixios arqueolóxicos das orixes da cidade de Rosario. Uns traballos que xa foron rematados e que teñen anunciado -feliz casualidade, a miña- a reapertura do museo para este mercores, día 24, véspera do “Día da Patria” arxentina.