jueves, 09 de febrero de 2023

Nora, a outra nai da Praza de Maio

Nora Cortiñas Morales
Nora Cortiñas Morales fotografiada en Buenos Aires en 2018 por Antonio Piñeiro

Antonio Piñeiro - La Región

O recente falecemento de Hebe de Bonafini, a máis mediática de tódalas nais que en abril de 1977 comezaron a edificar o inxente edificio da memoria que aínda hoxe constitúe o movemento “Madres de Plaza de Mayo” na Arxentina, fíxome lembrar a outra nai tan mediática coma Bonafini, que aínda hoxe -45 anos despois- continúa a reivindicar o dereito a saber onde é que está o seu fillo. Chámase Nora Morales, pero é universalmente coñecida como Nora Cortiñas porque así se apelidaba o seu home, o ourensán Carlos Cortiñas.

Con 91 anos ás costas do seu miúdo corpo e xusto a metade da vida tentando saber cómo, onde e por qué o terrorismo de Estado fixo desaparecer ó seu fillo, Carlos Gustavo Cortiñas, aquela mañá de mediados de abril de 1977 cando se dirixía ó traballo nun punto calquera da populosa cidade de Buenos Aires, Nora Morales non aforrou adxetivos de recoñecemento, esta mesma semana, ó referirse á outra gran líder do movemento universal das “Madres de Plaza de Mayo”, Hebe de Bonafini, ó saber da súa morte.

“Fue una gran luchadora, que nunca bajó los brazos”, declarou Nora, malia ás diferencias que, no longo e complexo camiño de reivindicación iniciado aquel mesmo mes de abril de 1977 por 14 nais de mozos e mozas desaparecidos, xeraron unha profunda división no colectivo ata o punto de provocar a segregación do mesmo en dúas organizacións completamente diferenciadas, a liderada por Bonafini co nome orixinal de “Madres de Plaza de Mayo” e a que aínda hoxe preside a propia Nora Morales baixo o nome de “Madres de Plaza de Mayo. Línea Fundadora”.

Pero, quen é esta Nora Morales para suscitar un posible interese informativo nesta sección tan enraizada en Ourense?

Segundo ela mesmo leva declarando dende a obrigada saída do anonimato e da tranquilidade familiar da súa casa bonaerense, aquel 15 de abril de hai 45 anos, “yo era una mujer tradicional, una señora de hogar que se había casado, con 19 años, con un marido patriarcal al que le gustaba que me dedicase a la vida familiar, por lo que trabajaba en casa como profesora de alta costura”.

Un marido que chegara á Arxentina oriundo das terras ourensáns de Celanova e que portaba no seu pasaporte o apelido Cortiñas, que ela adoptou como propio, primeiro como consecuencia do arraigado costume social do país de incorporar o apelido do home á súa identificación de casada -Nora Morales de Cortiñas- e despois como símbolo identificativo propio do seu fillo desaparecido.

Así foi como aquel día de primavera do 77, a desaparición do mozo Carlos Gustavo Cortiñas, con 25 anos aínda non cumpridos, estudante de Económicas, militante activista das xuventudes peronistas, colaborador social na indixente barriada de “Villa 31” e traballador no Ministerio de Hacienda, casado con Ana Cernadas e cun fillo de dous anos; fixo desaparecer tamén o rol familiar de Nora Morales e emerxer de contado o da incansable e inconmensurable activista, Nora Cortiñas.

A paz familiar, que se transformara nun inquedo remuíño interior cando lles chegou a noticia do secuestro de Carlos Gustavo, desapareceu completamente aquela mesma noite e con ela desapareceron definitivamente tamén as clases de costura, para comezar unha interminable procesión por xulgados, rexistros, igrexas, comisarías e oficinas militares á búsqueda do que aínda hoxe non deu resolvido, porque nin ningún interrogatorio xudicial dos moitos ós que foron sometidos os principais responsables do xenocidio, nin ningún documento rexistrou o camiño cara o silencio ó que foi condenado o seu fillo.

“Empecé a salir primero con Ana y mi marido para hacer la averiguación de su paradero -explica Nora Cortiñas nun dos milleiros de entrevistas que ten concedido ó longo de tantos anos-, pero poco a poco comencé a ir sóla, sobre todo todo al saber que otras madres se estaban reuniendo en la plaza de Mayo. Primero fueron 14 y cuando yo me sumé no llegábamos a 20...”

Mulleres que non pasaban das catro décadas e que ó seren obrigadas pola policía a moverse pola praza, porque o estado de sitio vixente non permitía concentracións, comezaron a circular arredor do monumento do xeneral Belgrano, dando lugar así ó probablemente máis importante movemento feminino de reivindicación e de resistencia da historia da humanidade. O símbolo da pañoleta branca co nome do fillo ou da filla desaparecida veu despois e a universalización do movemento, tamén. E con elo unha lección de humanidade que gracias a Nora leva bordado un apelido ourensán.

A intervención de Celso Montero e memoria doutros desaparecidos con sangue ourensá

Carlos Gustavo desapareceu en 1977.
Carlos Gustavo desapareceu en 1977.

E se ourensá é a orixe de Carlos Cortiñas e, polo tanto, do desaparecido Carlos Gustavo e o feito de que a súa nai, Nora, o universalizase co seu activismo ó longo destas catro últimas décadas á fronte da liña fundadora das “Madres de Plaza de Mayo”, importante foi tamén o protagonismo que tivo anos despois, a comezos dos anos 80, outro ourensán, neste caso, no proceso de investigación que levou a cabo o Senado español para ter coñecemento dos desaparecidos españois ou de orixe español, non só na Arxentina, senón tamén noutros países de Hispanoamérica que sufriron odiosas ditaduras na mesma época.

Este é o caso do crego e político socialista Celso Montero quen, na súa condición de senador, actuou como secretario da devandita comisión especial, da que tamén formaba parte como vocal outra ourensá, Carmen Lovelle, así como algúns nomes relevantes da política do momento, coma o de Juan José Laborda que anos despois chegaría a ser presidente do Senado polo Partido Socialista.

Como consecuencia do laborioso traballo levado a cabo pola devandita comisión, pola que pasaron moi diversas voces autorizadas de distintos lugares de Hispanoamérica (entre elas a da presidenta das “Madres”, Hebe de Bonafini, xa que ata o ano 1986 non se produciu a ruptura do movemento das nais, en dous), Celso Montero aproveitou o traballo de compilación para realizar unha catalogación dos desaparecidos rexistrados ata aquel momento que tiveran algunha relacion coa provincia de Ourense.

Ese traballo presentouno en Ourense no mes de xullo de 1983 e nel o senador rexistrou a unha ducia de homes e mulleres -mozos e mozas, todos eles- onde casualmente non estaba incluído o fillo de Nora Morales e de Carlos Cortiñas, Carlos Gustavo.

Os nomes publicados por este mesmo xornal o día 5 de xullo de 1983 foron os de Stella Maris Pereiro de Lorenzo, as irmás Cristina e Raquel Alvira, Dante Guede e o seu fillo Héctor, Graciela Nogueira e o seu home Guillermo Ricny, Américo González Villar , Sora Inés Sayar Torón, Adriana Tesea, Rafael Pedreira, Ricardo Carpintero Lobo e a súa muller Adriana Gatti Casal.

Por desgracia, non logrei consultar o documento, dado que o arquivo do Senado -que si ten publicado o dictame na súa integridade- non publicou o anexo relativo ó listado de desaparecidos. Como tampouco logrei dar co arquivo persoal de Celso Montero, falecido en xuño de 2003, co fin de poder ampliar o contexto ourensán de todos eles. Un contexto ó que, no caso da familia Cortiñas, seguramente lle dará máis luz o libro titulado “Norita: la madre de todas las batallas”, polo que agardamos con devezo a que cruce pronto o Atlántico e así podermos saber máis.