jueves, 25 de abril de 2024

Fangio, Fidel e o dono do hotel Lincoln

<p> undefined </p>

Antonio Piñeiro

Entre as moitas e espectaculares accións destinadas á desestabilización do rexime corrupto no que estaba mergullada a Cuba de Fulgencio Batista a finais dos anos cincuenta (o sanguento asalto ó cuartel de Moncada, en Santiago de Cuba, o 26 de xullo de 1953, foi a primeira e o atraco ó Banco Nacional -no que en vez de roubar o diñeiro, queimaron milleiros de cheques- tan só un día antes), se algunha tivo por ela soa repercusión mundial debido á fama universal que atesouraba o seu protagonista indirecto, esta foi a do secuestro que na noitiña do 23 de febreiro de 1958 levou a cabo un comando do movemento denominado precisamente “26 de julio” que organizou o avogado Fidel Castro e uns centos de correlixionarios e que, como é ben sabido pola historia, remataría co triunfo da revolución castrista que aínda hoxe permanece gobernando con man de ferro a fermosa e irmá illa caribeña.

Despois de ter gañado o ano anterior a carreira urbana que no marco do campionato mundial de Formula 1 se disputaba polas rúas do famoso Malecón, para máis gloria publicitaria do ditador Batista, e con cinco campionatos do mundo ás costas, naqueles días de febreiro do 58, o piloto arxentino Juan Manuel Fangio volvera de novo a visitar a Habana co seu Maserati 450 co fin de continuar sumando vitorias a unha traxectoria deportiva única, pois ninguén chegara nunca a acadar tal número de campionatos mundiais coma os que el tiña conseguido el ata ese momento.

Co fin de que a súa estadía habaneira fose o máis cómoda posible, o equipo do piloto decidira contratar varias habitacións no exclusivo hotel Lincoln e non só pola calidade do servizo que ofrecía, pois anunciábase como “el único hotel de Cuba equipado con servicio de agua helada corriente en todas las habitaciones”, senón pola súa céntrica ubicación, a uns poucos centos de metros de onde estaba situado o circuito trazado para a ocasión.

Sen embargo, aquela noitiña, por volta das nove, un comando formado por catro militantes do movemento revolucionario, logo de teren valorado outras opcións, achegáronse ás inmediacións do hotel e ó ver no “hall” do hotel a Fangio charlando amigablemente cos seus mecánicos e co piloto inglés Stirling Moss, dunha das portas traseiras dun Plymouth de color verde baixou Manuel Uziel cunha pistola na man e situlmente colocou o canón da pistola á altura dos riles do corredor, e sen ningunha outra presentación previa, díxolle pola calada: “disculpe, Juan, ¡me va a tener que acompañar!”.

Loxicamente, o corredor viuse zarabatido por uns acenos inconsistentes del mesmo e dos seus acompañantes, que o secuestrador saldou con un impertivo: “¡cuidado! Si se vuelve a mover, le disparo”.

Tan ousada e atrevida foi a manobra do activista que, sen máis reacción cá de deixarse levar, Fangio decidiu acompañar ó home armado ata o impresionante “haiga” que o transportaría a cara descuberta por diferentes rúas e barriadas da Habana, ata chegar a un chalé da exclusiva zona do Nuevo Vedado onde pasou a noite e foi atendido por un xentío que, a dicir das crónicas da época, non paraban de pedirlle disculpas, solicitándolle autógrafos e asegurando que o seu inimigo non eran, nin el nin a Arxentina, senón o ditador Batista.

Un plato de patatas fritas con ovos e a invitación a que vise a carreira por televisión -cousa que rexeitou- trataron de facerlle levadeira a retención ó afamado campión durante preto de 30 horas, o que loxicamente lle impediu participar na competición perante o alboroto mundial levantado pola súa incrible desaparición.

A residencia do embaixador arxentino en Cuba -curmán dun aínda anónimo Che Guevara-, foi o destino por el proposto, polo que xa non retornou á habitación 810 do hotel, hoxe convertida nun pequeno museo dedicado ó corredor, mentres que na fachada do edificio tamén se conserva unha placa que destaca ata que punto tal acción “significó un efectivo golpe propagandístico contra la tiranía batistiana y un importante estímulo para las fuerzas revolucionarias” coas que o propio Fangio chegou a empatizar no futuro, volvendo visitar en varias ocasións a illa e mantendo contactos con Fidel. 

Un ourensán de Forcas que marchou con 14 anos a Cuba e fixo fortuna en Camagüey

Habitación 810 do hotel Lincoln, coas fotos de Fangio e un diploma de recordo.
Habitación 810 do hotel Lincoln, coas fotos de Fangio e un diploma de recordo.

Pero, quen era Antonio Fernández Prieto -cabe preguntarse- para ser propietario, no ano 1958, dun dos máis exclusivos hoteis da Habana?

“No es fácil llegar a Forcas”. Así titulaba o profesor de Parada do Sil, Antonio Carreño, neste mesmo xornal, o 17 de abril de 2012, un artigo que se centraba en varios fillos desa aldea “asentada en la ladera de una profunda pendiente hacia el río Mao” e á que se chegaba “años ha, por escarpados caminos de caballería, bien partiendo desde la Ribeira Sacra o desde los altos del Rodicio”. Un puñado de veciños que acadarían sonados éxitos nas súas profesións, “unos camino de Barcelona y otros en la lejana Habana”.

Un deles foi precisamente Fernández Prieto, a quen o libro “Los propietarios de Cuba 1958” de Guillermo Jiménez, sitúa entre os 550 empresarios máis influíntes da illa na época de Batista. “Era propietario -di- de los hoteles Lincoln (La Habana), el Gran Hotel y el Colón (Camagüey) y el Sevilla (Ciego de Ávila), así como, nesa mesma cidade e en sociedade co seu veciño, Melquiades Lamelas, o Hotel Rueda polo que pasaron nomes non menores cós de Fangio, coma os Alicia Alonso, Ernesto Lecuona, Libertad Lamarque ou Jorge Negrete.

Entre as referencias biográficas sobre el, destacan algúns apuntamentos no blog do xornalista cubano William Navarrete, extraídos do mencionado libro “Los propietarios de Cuba” e nos que indica que “nació el 12 de febrero de 1904 en Orense -outras referencias falan de San Mamed de Forcas- y llegó a Cuba en 1918. Trabajó de mozo en la limpieza durante tres años en el hotel Las Villas, luego fue gerente de un hotel en Morón y otro en Ciego, hasta que en 1938 inauguró el Gran Hotel y más tarde el Colón en sociedad con Melquiades Lamelas”, ámbolos dous en Camagüey.

No ano 1941 casou coa cubana Lilia Esther Fuentes, doctora en Ciencias, Filosofía e Letras, con quen tivo dous fillos, Antonio e Mario, e unha filla, Lilia Esther.

Asentado económica e socialmente na zona centro-oriental da illa, mediado o século decide dar o salto empresarial á capital, cando adquire o devandito hotel Lincoln que co secuestro lle daría unha gran fama, aínda que efémera porque a chegada de Castro á Habana, tan só un ano despois (1959), provocaría a nacionalización xeral da illa e o afamado Lincoln pasaría a ser xestionado coa categoría de 2 estrelas, pola cadea estatal “Islazul”.