viernes, 29 de marzo de 2024

Benigno Quiroga, o filántropo do salitre

Benigno Quiroga Escuela de Punxín

Antonio Piñeiro - La Región

O inicio dun novo curso escolar e o pico de actualidade no que vive a sociedade chilena, tráenme á memoria a este ourensán que fixo da emigración o seu dourado e quixo compartilo cos seus, doándolle ó pobo o 15% da súa fortuna para que os nenos e nenas da súa aldea tivesen a oportunidade que el non tivo, de formárense e enfrontárense ó mundo con coñecemento de causa. Un século despois de levantada, a escola permanece impoluta mantendo o obxectivo educativo orixinal que un día soñaron Benigno e Leona.

Se tomamos en consideración os canons propios de clasificación das vías urbanas, á rúa Alberto Cortez de Punxín, se cadra, non lle poderiamos chamar rúa porque no seu conxunto carece dos principais elementos que definen unha vía completamente urbanizada. Porén, poucas rúas de calquera vila ou de calquera cidade son quen de darlle acollida no seu trazado a dous persoeiros tan relevantes coma o que lle cede o seu nome á mesma -é dicir, o cantautor galego-arxentino-, así coma ó protagonista propio desta crónica que imos relatar.

De Benito Quiroga Fernández repiten mimeticamente e de forma telegráfica os apuntamentos biográficos que navegan pola rede, que “naceu en Punxín e que emigrou moi novo a Chile, onde iniciou o seu traballo no sector da explotación e comercialización do salitre, chegando a ser un dos principais empresarios da minería salitreira chilena de finais dos século XIX e comezos do XX”.

E aí perderíase a súa memoria vital para a veciñanza de Punxín e para o interese desta crónica, se non fose que, coma tantos outros pioneiros que tiveron que abandonar o seu fogar natal cara lugares ignotos e nalgúns casos mesmo inhóspitos, Benigno Quiroga nunca esqueceu a súa torgueira, ata o punto de -cando a vida se lle estaba a estiñar- decidiu legar o 15% “de los bienes que apareciesen en la fecha de su fallecimiento” e que lograra amasar nas tan inhumanas como rendibles explotacións salitreiras do deserto chileno de Atacama, “para fundar un colegio enteramente laico, asegurándole una renta para que pueda sosternerse por lo menos veinte años”.

Un ano durou o empresario dende que formalizou a decisión filantrópica ata a súa morte acontecida en 1916, e catro ata que a súa viúva (a vasca Leona Urruticoechea, sen a que non se pode entender a vida e a economía de Quiroga) se achegou a Punxín para darlle forma á derradeira decisión de Benigno e formalizar a constitución dunha fundación que se encargaría da xestión do legado, que ascendía a 7.500 libras esterlinas do momento (unhas 191.500 pesetas) , máis outras 45 mil pesetas para levar a cabo a construción do edificio.

Non sería doado o proceso de xestión da obra benéfica. Sen embargo, o 18 de maio de 1924, o pobo de Punxín celebraría con todo boato a inauguración das dúas escolas, das que se encargarían os mestres Manuel Gallego e Joaquina Jorreto, co tempo pais do coñecido arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto.

A evidente satisfacción de Leona por poder cristalizar o proxecto tan desexado polo seu home, quedou patente nas palabras recollidas daquela por este xornal: “Difícil es para mí, en este momento, expresar la viva emoción que siente mi alma al oír los inmerecidos elogios (...), no los merezco, pero los acepto para dedicárselos a la memoria de mi inolvidable esposo”.

A pasada semana, cen anos despois, un novo curso escolar volveu encher de vida e de futuro o centro -transformado agora en CEIP-, para realimento da memoria de Benigno e Leona e, sobre todo, para beneficio de Punxín.

Unha historia de película, que comeza en Punxín e conecta co palacio de Marivent

Aínda que non é coñecido o perfil biográfico de Benigno, é moi probable que, como ten acontecido tantas veces cos pioneiros, o éxito non lle chegara do mesmo xeito sen a presenza dunha muller -neste caso Leona Urriticoechea- na súa vida.

Non logrei saber por que o seu destino foi un lugar tan desaborido como o nórdico deserto chileno. Sen embargo, é evidente que a fortuna chegoulle do traballo nas case inhumanas explotacións salitreiras da provincia de Jarapaca, na rexión capitaneada pola cidade costeira de Iquique, nas inmediacións da zona máis meridional do deserto de Atacama, onde chegou a ser propietario de dúas das máis importantes minas, formando sociedade cunha familia vasca relacionada con Leona, a familia Astoreca.

“Otra sociedad sobresaliente fue la del gallego Benigno Quiroga, el peruano Guillermo Billinghurst y el vasco Fidel Astoreca, formada en 1910, llamada “Astoreca y Quiroga” y que contaba con la oficina “Diana” y posteriormente una segunda denominada “Iris”. Co enxeñeiro Higinio Astoreca -coidando ó seu fillo Fidel-, foi como Leona viaxou a Chile en 1874, con 17 anos, na compaña do seu irmán, Francisco, amigo de Higinio.

Pouco despois, Leona casa cun emigrante francés, chamado Luís Regord, iniciándose con el no negocio da hostalaría á fronte do hotel Continental, en Iquique, pero logo quedaría viúva, volvéndose casar dúas veces, a terceira con Benigno, cando xa o seu protexido Fidel lle ofrecera a participación nunha das explotacións do seu pai.

Velaí como Benigno Quiroga debeu dar o salto á clase empresarial na sociedade “Astoreca y Quiroga”, que á morte de Benigno pasaría a ser dirixida por un sobriño de Leona, Luis de Urruticoechea, que tamén se fixo coas explotacións da familia Astoreca, dando lugar en 1955 a unha das cinco compañías máis importantes de Chile e actualmente, a través da Minera Algorta-Norte, a controlar o mercado mundial do iodo, en sociedade coa multinacional Toyota. Pola súa banda, os Astoreca emparentan coa familia do catalán Matías Granja (o maior potentado do salitre nesa época), que casa cunha actriz francesa que lle acaba facendo a vida imposible ata que Matías morre, mentres ela se fai coa súa fortuna, regresa a Europa cun mozo de orixe grega e aséntase en Mallorca, onde acaba mandando construír o palacio de Marivent.