viernes, 19 de abril de 2024

A Xunta alega que actuación policial sobre inmigrantes cumpre a normativa

O director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, asegurou hoxe que a obriga da Policía Local da Coruña é velar polo cumprimento das ordenanzas municipais sobre venda ambulante, realizada ou non por inmigrantes, e denunciar as infraccións. Villanueva respondeu en comisión parlamentaria unha pregunta formulada polo parlamentario da AGE Xabier Ron, quen denunciou unha 'especie de persecución' ao inmigrante, sobre todo ao irregular, e concretou que na Coruña se produce 'acoso policial' a este colectivo inmigrante que se dedica á venda ambulante.

'Este racismo frío das institucións contribúe a dar alento a un racismo quente que se consolida no imaxinario social e estase estendendo', advertiu Ron, quen pediu á Xunta que estabeleza 'un protocolo de actuación e de garantías de dereitos para todos os galegos, incluídos os que veñen de fóra'.

Villanueva explicou que aínda que o Executivo autonómico non é competente neste ámbito, excepto na coordinación de policías locais, solicitou información sobre estes feitos á Xefatura da Policía Local da Coruña, que detallou que non está permitida a venda ambulante en cruzamentos regulados ou non por semáforos e que a nacionalidade é 'indiferente' á hora de actuar.

O director xeral trasladou que o colectivo nixeriano está informado de que non pode vender en cruzamentos mais 'insisten' en permanecer neles a 'pesar de que saben que non poden facelo'.

Do mesmo modo, considerou 'errónea' a percepción de acoso na actuación policial e alertou de que con ela se está 'criminalizando unha actuación policial totalmente axustada ás normas e ordenanzas'.

Villanueva adiantou que, despois da celebración de até catro reunións co Foro Galego de Inmigración sobre este asunto, o Concello comunicou que está previsto outro encontro cos seus responsábeis para volver informar acerca de onde se pode se ou non realizar a venda ambulante.

O director xeral subliñou que a Xunta non ten constancia doutros feitos salientábeis neste sentido noutros concellos galegos e 'menos aínda de actuacións reprobábeis da Policía', concluíu.